jueves, 23 de octubre de 2008

capítulo 4: crenzas

Sinto a tardanza, pero sabedes que isto xorde cando a unha lle vén a inspiración. Pois no meu caso foi nun destes momentos nos que unha se despista e queda "abducida" (tranquilos, négome a entrar no apartado dos fenómenos paranormais) ata que por algún motivo descoñeceido, volve á consciencia cunha frase ou palabra que escoita. En realidade foi unha frase exclamada das que escoitamos todos os días: "Ay Dios mío, pero qué me dices?". Tal cual. Nada raro, pero a miña cabeciña comezou a darlle voltas á primeira parte da frase, porque moitos dicimos palabras similares pero: pensamos realmente o que estamos dicindo? Eu non. E pensando pensando xurdiu a pregunta: e de ónde virá isto de Deus? Non me refiro ao nome en si, que iso é igual, senón á crenza nun ser supremo-ou mesmo en varios- que rixe todo o imaxinable. Non sei se fago ben ao chamalo crenza, pero é o que é para min. E chamádeme escéptica, ou calquera destas palabras cultas que non recordo agora, pero non penso que exista un ser superior de bondade extrema, non señor. E non escapedes, que non me poñerei catastrofista. Simplemente dicir que xuntando todo o que ocorre, o que vexo, vin e probablemente seguirei vendo, négome a pensar que haxa ninguén, e en tal caso non ten bondade tal.
Conste que, con isto, non estou insinuando que teña eu razón ou ninguén, que cadaquén pode pensar o que queira e eu respétoo, pero tampouco se me pode demostrar que estea eu nun erro así que seguirei nas miñas trece (bonito número el).
Tamén é totalmente normal, por outra parte, o de crer. Si, si, o verbo: crer. Vai intrínseco nas persoas o ter que crer nalgo, supoño que en parte para evadirnos dos problemas e en parte para atopar un escape a ese futuro inminente e inesperado do que ningún dos que ledes isto, e eu que o escribo, esquivamos. Quizais, e facendo un guiño a meu papi (espero que ben feito), personificando á Morte -nada novo, xa o sei-, ela sí sería ese ser do que dependemos, ou non? fai o que quere de nós...e sempre gaña as batallas. Campeona sempre. Odiada ás veces, pero non habería vida sen ela.
Voume do tema, coma sempre. En fin, en resumo, supoño que cheguei á conclusión de crer só naquelo que se demostra. Todas esas historias, verdadeiras ou non, non deixan de ser iso para min: contos. Deus, as meigas, o demo...non sei, non son capaz de crer en nada diso. E certamente gustaríame porque hai ocasións nas que un se sinte bastante afundido e lle gustaría ser simplemente parte dunha obra na que non decide el senón outro que o move en certa dirección..Pero non, todos pasamos por momentos de decidir entre facer isto ou aquelo sabendo que ambas son peores, xa non malas, e digo eu que se é alguén quen decide por nós, non nos tería levado xa a esa situación.
Diría que creo na ciencia, que din moitos, pero eso é unha paparruchada enorme. A ciencia está aí, pero é ela quen está ao noso servizo. Como unha gran amiga que cada día descobre novos camiños. E non creo nela, ela é. Á vista están os resultados non é así?
E persoalmente, se tivese que adorar ou idolatrar a algo/alguén ese sería Paco de Lucía, non porque rixa a miña vida, pero fai que deixe de dubidar se crer na maxia. El faina. Está aí, ensínaa a calquera cun pouco de cultura musical (aínda que diso carécese e moito) e interese nas crenzas actuais. É o exterminador do agnosticismo. Todo iso en dúas mans, 6 cordas (ou 5 ou 4, que falamos dun mago) e unha marabillosa porción de tempo que ata rabia dá que remate. Sería posible pedirlle a el solucións? Pode. Pero eu non o vou facer despois do seu regalo. Bastante fai xa con suplir o oco vacío da miña vía de escape. E qué máis se pode pedir hoxe en día?

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Hola, Finta, acabo de enterarme por teu pai o do teu blog, pois tiven a ocurrencia de mandarlle a dirección do meu.
Aínda non vin moito, pero isto das crenzas chamoume a atención.
Vou deixarche o enlace ao meu por se, nun momento, che apetece visitalo.
Saúdos,
Francisco
http://fdevesa.spaces.live.com/

cormelana dijo...

E se existe ademais dun pelín cabronazo é un chambón, un rechamandeiro e bastante paspán. Sobre todo tendo en conta que despois do diluvio universal aínda tivo unha segunda oportunidade, o moi parvo.
Eu de momento creo temporalmente no servizo de nóminas da Xunta, no sorriso dos meus fillos, na receita de robaliza do teu tío paco e no ensino, que con todos os seus males sempre me fai sentirme ben aínda que chova por dentro. Ben, o do sorriso primeiriño que todo o demais, eh?